José Fernández Canosa “O Ghaiteiro do Piñeiro”. Fotografía Guillerme Ignacio

A XXVII edición do Memorial Ricardo Portela homenaxea a José Fernández Canosa “O Ghaiteiro do Piñeiro”

A cidade de Pontevedra acollerá os días 10, 11 e 12 de xullo a XXVII edición do Memorial Ricardo Portela, unha das citas máis emblemáticas da música tradicional galega. A Praza da Ferraría converterase, durante tres xornadas, nun espazo de encontro para artesáns, agrupacións de música e baile tradicional e público de todas as idades, cunha programación que combina concertos, homenaxes e pasarrúas polas rúas e prazas do centro histórico.

Nesta ocasión, o encontro renderá homenaxe a José Fernández Canosa, coñecido como “O Ghaiteiro do Piñeiro”, figura fundamental na transmisión das tradicións de Aldán, especialmente da danza e dos Reis de Aldán, que mantivo vivas ao longo de case medio século de actividade musical.

Xulio Vázquez Carril no Encontro de Tocadores de Caminha, 2016

Xulio Vázquez Carril dará nome á Casa de Cultura de Arzúa

O Concello de Arzúa acordou nomear a súa Casa da Cultura co nome de Xulio Vázquez Carril, “O Gaiteiro de San Miguel”, nun acto de homenaxe que terá lugar este domingo 27 de xuño a partir das 12h.. Trátase dun recoñecemento público a unha das figuras máis queridas e representativas da nosa tradición musical, cuxa traxectoria deixou unha fonda pegada no patrimonio cultural galego.

Bailando na Mostra de instrumentos de música tradicional. Pardiñas 2025

33 Mostra de instrumentos de música tradicional de Pardiñas

O primeiro fin de semana de agosto volverá traer a Pardiñas ese latexo único que só alí se sente: o encontro entre a música, a artesanía e a memoria viva dun pobo. Os días 1 e 2 de agosto, no corazón do Festival de Pardiñas, celebrarase a 33ª Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, unha cita xa mítica organizada pola Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas. Trátase dun dos encontros culturais máis singulares e agardados do país que reune artesanía, música e patrimonio e que leva máis de tres décadas xuntando a artesáns, intérpretes, investigadores e público de todas as idades.

Asemblea Xeral Ordinaria da AGG

Asemblea Xeral Ordinaria da AGG

Xoán Manuel Tubío, presidente da AGG convoca a todos os socios e socias da AGG, a Asamblea Xeral Ordinaria que se levará a cabo este domingo, 10 de maio de 2026, ás 11:00 horas en primeira convocatoria e ás 11:30 en segunda convocatoria , no Auditorio do Museo do Pobo Galego.

Aí ven o maio!

Aí ven o maio!

O vindeiro 12 de maio, a partir das 16:30 horas, na Praza da Soidade (Lugo), a Tradescola volverá encher de cor, música e tradición a cidade cunha nova edición da celebración dos Maios xunto co noso alumnado máis cativo.

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.