A 28 Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas encherá Lugo de música o 11 de outubro
A Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas (AGG), co apoio da área de Cultura do Concello de Lugo, celebra este domingo 11 de outubro a XXVIII Mostra de Música Tradicional do Domingo das Mozas, unha das citas máis emblemáticas das festas do San Froilán e a única mostra deste tipo que se realiza en festas patronais en toda Galicia.
Máis dunha decena de grupos de música tradicional galega encherán de son e vida o casco histórico de Lugo, nunha xornada que converte a cidade nun auténtico referente da música de raíz. Grupos de gaitas, pandeireteir@s, murgas e formacións chegadas de distintos puntos da xeografía galega ofrecerán actuacións de mañá e tarde, facendo pasarrúas polas principais rúas e prazas do centro amurallado.
Horarios e percorridos
- Pola mañá, os grupos sairán da Mosqueira ás 11:30 h, percorrendo o casco vello ata as 14:00 h, rematando na Praza Maior.
- Pola tarde, repetirán o percorrido a partir das 17:00 h, ata as 18:00 h.
- A partir desa hora, a Praza de Santa María acollerá dous concertos especiais:
- Bouba Pandeireteiras – 18:30 h
- Os Carunchos – 20:00 h
Grupos dos pasarrúas
Arume de Boiro · Axeigo · Lembranzas do Tambre · Lubicáns · Os Mersenarios · Os Mecos de Ogrobe · Pandereteiros de Cántigas e Frores · Turoqva · Xente Nova de Ferrol · Zanfoneiros da Tradescola
Unha mostra que é xa tradición
A Mostra do Domingo das Mozas é un encontro consolidado que, ano tras ano, reúne a algunhas das mellores formacións de música tradicional do país. O seu obxectivo é exaltar e difundir a música tradicional galega, achegándoa a milleiros de persoas que cada ano se achegan a Lugo durante o San Froilán.
A AGG reafirma así o seu compromiso coa defensa e promoción da nosa música, demostrando que a tradición pode ser protagonista da festa na rúa e que Lugo continúa a ser un espazo clave para a cultura galega.