Asociación

Que é a AGG?

A Asociación de Gaiteiros Galegos (AGG) é unha asociación sen ánimo de lucro que ten como finalidade o estudo, a conservación, o fomento e a divulgación da música e do baile tradicionais galegos.

Breve historia

A orixe da Asociación de Gaiteiros Galegos remóntase a finais da década de 1970, cando en Ortigueira se celebraron as primeiras xuntanzas de gaiteiros e artesáns coa vontade común de unificar criterios e fortalecer un gremio que compartía preocupacións, saberes e un profundo amor polo instrumento máis representativo da nosa tradición: a gaita.

IV Xuntanza de Gaiteiros de Galicia, organizada por Froito Novo, o 20 de febreiro de 1983.
IV Xuntanza de Gaiteiros de Galicia, organizada por Froito Novo, o 20 de febreiro de 1983.

Ese espírito colectivo cristalizou o 28 de maio de 1988 coa creación da primeira Xunta Xestora da AGG, integrada por Antonio X. Castro, Xosé Vicente Ferreirós, Xosé Fernández Costas, Xosé Álvarez Marías, Ricardo Santos, Xosé Domingos Fuciños, Xoán Domínguez Silvar e Xoán Xosé Fernández, e presidida polo inesquecible gaiteiro de Viascón, Ricardo Portela. O intenso traballo inicial, especialmente o de Xosé Domingos Fuciños, permitiu dotar a entidade de personalidade xurídica e asentala como asociación de ámbito galego.

Desde ese momento comezou a estruturarse o que hoxe é a AGG: unha asociación sen ánimo de lucro dedicada ao estudo, defensa, fomento e divulgación da música e do baile tradicional galego. Nos seus primeiros anos puxéronse en marcha vocalías por todo o territorio e unha ampla campaña de implantación que reuniu arredor de 150 persoas socias entre gaiteiros, percusionistas, artesáns, musicólogos, investigadores e amantes da cultura galega.

En 1989 celebrouse a asemblea constituínte no colexio La Salle de Compostela, da que saíu elixido presidente Xosé Vicente Ferreirós, impulsor da expansión da AGG por toda Galiza. En 1993, a presidencia pasou a Santiago Caneiro, quen asentou as bases do traballo colectivo e do funcionamento colexiado da entidade. No ano 2004, nunha asemblea celebrada en Melide, ampliouse a Xunta Directiva a dezaseis membros e establecéronse as condicións para incorporar persoal contratado que permitise asumir o crecente volume de actividades. En 2015 foi elixido presidente Xaneco Tubío.

Co paso dos anos, a AGG consolidouse como a única asociación de músicos tradicionais con presenza en todo o país, chegando na actualidade a case 900 persoas asociadas, tanto na Galiza como na diáspora, con presenza a través das mesmas, na maior parte das asociacións e colectivos das distintas expresións da cultura tradicional; instrumentistas, bailadores, bailadoras, artesáns, artesás, investigadores, investigadoras, agrupacións, escolas,…, unha diversidade que nos permite coñecer de primeira man as necesidades do sector da cultura tradicional, pudendo ofrecer así, dende a AGG, un correcto apoio e asesoramento a todo o colectivo.

A nosa razón de ser é traballar polo común. Queremos ser unha ferramenta necesaria neste noso País, para o que levamos máis de trinta anos traballando pensando no colectivo, é dicir, no comunal da música e baile tradicional, tentando que se visualice na sociedade actual que na música e no baile tradicional está o celme da nosa identidade nacional, pois despois do idioma, esta é a nosa grande obra colectiva, que temos a obriga de manter viva.

Somos un grande colectivo no que todos e todas somos necesarias para seguir mantendo a cadea de tranmisión da oralidade; asociacións culturais, folclóricas, escolas, mestres e mestras de baile e de música, artesáns e artesás de instrumentos e do traxe, investigadores, investigadoras, intérpretes, agrupacións musicais e de baile, informantes, musicólogos, musicólogas, festivais, seráns, foliadas.., pensamos que temos que superar o traballo atomizado e pensar en traballar no comunal. A transmisión oral, a creación colectiva e o patrimonio inmaterial precisan dunha comunidade viva, diversa e comprometida. Calquera persoa que teña apego pola nosa música ou baile tradicional ten espazo para estar na AGG, e pode aportar para seguir medrando, e que sigamos a manter viva a nosa particular forma de expresión musical colectiva.

Entre as iniciativas que desenvolvemos, mantemos unha escola integral de música e baile tradicionais como é a Tradescola en Lugo, unha exposición permanente da historia da gaita en Cotobade, numerosas xornadas de divulgación de traballos de investigación, obradoiros de toda índole, a mostra de instrumentos de Pardiñas dende o ano 94, a mostra do Domingo das Mozas no San Froilán dende o ano 92, o Memorial Ricardo Portela dende o ano 1999, entre outras moitas actividades que sería longo enumerar.

Bailando durante un concerto da 30 Mostra de instrumentos de música tradicional de Pardiñas o 6 de agosto de 2023.
Bailando durante un concerto da 30 Mostra de instrumentos de música tradicional de Pardiñas o 6 de agosto de 2023.

Con todo iste traballo pretendemos actuar na sociedade para aportar o noso gran de area co obxectivo de garantir que a música e o baile tradicionais teñan futuro e presenza real na Galiza do século XXI.

Hoxe igual que onte, seguimos a camiñar con idéntica vontade fundacional: fortalecer o común, dignificar o noso patrimonio e garantir que a música, o baile e a tradición continúen a soar con forza nas mans das xeracións vindeiras, porque a tradición non é pasado: é futuro en construción, unha obra viva que só pode existir se a facemos entre todas e todos.

SOMOS XENTE ILUSIONADA!

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.