A AGG organiza unha nova edición de “A Memoria das Avoas”, un encontro que homenaxea e pon en valor o papel das mulleres na transmisión da nosa cultura tradicional

A AGG organiza unha nova edición de “A Memoria das Avoas”, un encontro que homenaxea e pon en valor o papel das mulleres na transmisión da nosa cultura tradicional

A Asociación de Gaiteiras Galegas (AGG) celebrará o vindeiro sábado 21 de novembro unha nova edición de “A Memoria das Avoas. Creadoras e transmisoras da nosa cultura popular”, unha iniciativa que busca recoñecer e visibilizar o papel fundamental das mulleres na conservación e transmisión da tradición oral, musical e do baile tradicional de Galicia.

O evento celebrarase na Casa da Cultura de Berdeogas e contará coa participación das informantes de Berdeogas e Berdoias, as Pandeireteiras As de Buxantes e Traspés Pandeireteiras nun acto guiado por Alejandro Martínez.

Pandeireteiras As de Buxantes
Pandeireteiras As de Buxantes

Tras a súa primeira edición, impulsada no marco das Letras Galegas dedicadas ás cantareiras e á poesía popular oral, a AGG dá continuidade a este proxecto coa vontade de manter vivo o recoñecemento ás mulleres que, xeración tras xeración, gardaron na súa memoria un valiosísimo patrimonio cultural composto por cantigas, romances, bailes, melodías, historias e saberes tradicionais.

A xornada terá lugar na Casa da Cultura de Berdeogas e estará centrada nesta ocasión nas informantes e portadoras da tradición oral das parroquias de Berdeogas (Dumbría) e Berdoias (Vimianzo), protagonistas dunha homenaxe pública que pretende agradecer a súa xenerosa contribución á conservación do noso patrimonio inmaterial.

O programa incluirá unha charla-homenaxe coas informantes de Berdeogas e Berdoias, representadas nas figuras de:

  • María Núñez Agulleiro
  • María Gloria Fernandez Esparís
  • Divina Pereira Núñez
  • Julia Barrientos Lema
  • Pura Agrafojo Castiñeira
  • Maricarmen Agrafojo Castiñeira
  • Alejandro Pérez Rodríguez
  • María Pérez Caamaño
  • María Estrella Espasandín García.

Un espazo de encontro e memoria no que compartir experiencias, lembranzas e testemuños arredor da transmisión da música e do baile tradicionais. O acto estará acompañado por diversas actuacións musicais, coa participación das Pandeireteiras de Berdeogas e Berdoias, así como dos grupos As de Buxantes e Traspes Pandeireteiras, que achegarán ao público un repertorio representativo da riqueza da tradición oral da comarca.

Trapés Pandeireteiras
Trapés Pandeireteiras

Desde a AGG destacamos que esta iniciativa nace da necesidade de seguir poñendo nome e apelidos a tantas mulleres que, malia seren figuras esenciais para a conservación da nosa cultura popular, permaneceron durante décadas nun segundo plano. Fronte ao anonimato co que frecuentemente se identificou ás cantareiras, pandeireteiras e bailadoras, “A Memoria das Avoas” pretende recoñecer o seu papel como auténticas creadoras, depositarias e transmisoras do saber tradicional galego.

O encontro constitúe tamén un espazo de diálogo interxeracional no que se unen memoria, música e comunidade, favorecendo o intercambio de coñecementos entre distintas xeracións e reforzando a ligazón entre a sociedade actual e o patrimonio cultural herdado.

Con esta actividade, a Asociación de Gaiteiras Galegas reafirma o seu compromiso coa defensa, estudo, conservación e divulgación da cultura tradicional galega, ao tempo que continúa avanzando na necesaria visibilización das mulleres que fixeron posible a súa supervivencia ata os nosos días.

A actividade que está organizada pola Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, coa colaboración do Concello de Dumbría e o apoio da Deputación da Coruña, será de balde ata completar o aforo.

Máis información: secretaria@gaiteirosgalegos.gal / 986 847 074 e 982 229 966.

A AGG organiza unha nova edición de “A Memoria das Avoas”, un encontro que homenaxea e pon en valor o papel das mulleres na transmisión da nosa cultura tradicional

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.