A AGG organiza o vindeiro domingo, 15 de novembro, unha nova edición do Encontro Tradición en Feminino

A AGG organiza o vindeiro domingo, 15 de novembro, unha nova edición do Encontro Tradición en Feminino

A AGG organiza, ao abeiro das subvencións para actividades culturais de Cultura da Deputación da Coruña e coa colaboración do Concello de Arzúa, a oitava edición deste encontro que ten por obxectivo visibilizar e poñer en valor o enorme e imprescindible papel que tivo e ten a muller para a preservación e transmisión da nosa riqueza cultural.

Este encontro, concibido como un espazo para visibilizar e revalorizar o papel das mulleres na preservación e transmisión da riqueza cultural da nosa música tradicional, propón nesta oitava edición unha reflexión arredor do papel das mulleres na música tradicional galega, na creación artística e na transmisión cultural do noso patrimonio, tomando como fío condutor o legado documental e fotográfico de Ruth Matilda Anderson e reunindo especialistas, investigadoras e profesionais da música e das artes escénicas para afondar na relación entre patrimonio, memoria, identidade e creación contemporánea.

A programación abrirase ás 10.45 horas coa relatora Alba Rodríguez Saavedra, que ofrecerá a conferencia "'Has de cantar, meniña gaiteira'. A mirada de Ruth Matilda Anderson á nosa música en feminino".

Ruth Matilda Anderson foi autora de cinco mil fotografías nas que se retrata a realidade do noso país entre os anos 1924 e 1926, pero o seu legado vai máis alá. O seu ensaio Gallegan Provinces of Spain. Pontevedra and La Coruña (1939) transita pola literatura, a historia e a etnografía galegas. Porén, nas súas páxinas atopamos considerables referencias ás nosas músicas, aos nosos bailes e a como neles actuaban e se representaban as mulleres.

Neste relatorio achegarémonos, da man de Alba Rodríguez Saavedra, ao legado da conservadora da Hispanic Society of America.

Alba Rodríguez Saavedra, tradutora e editora técnica, é doutoranda e integrante do Grupo de Investigación en Tradución e Paratradución da Universidade de Vigo. Foi profesora asistente na Universidade de Kent en Canterbury e visitante na Universidade de Santiago de Compostela.

As súas liñas de estudo principais, asentadas en feminismo e tradución, céntranse na análise das manipulacións arredor das figuras da moura e a cailleach, e a ocultación da obra de Ruth Matilda Anderson. O seu traballo «A tradución das marxes como reivindicación das mulleres galegas. Elas, as elididas, a través de Ruth Matilda Anderson», foi galardoado co Premio de Investigación Enxeñeiro Comerma 2023 e é o alicerce do libro Ruth Matilda Anderson, tradutora das marxes, publicado en novembro de 2025 por Laiovento e distinguido co Premio Follas Novas de Ensaio 2026.

Forma parte do colectivo «Habitar o baleiro», un proxecto xornalístico multiplataforma que nace para documentar a vida no rural de Galicia, cunha mirada ao pasado para comprender o presente.

Alba Rodríguez
Alba Rodríguez

Ás 11.45 horas terá lugar a mesa de debate "O patrimonio colectivo como fonte de inspiración escénica", moderada por Marina Fernández Vigo e coa participación de Aitana Cuétara, Pedro Brañas e Xela Conde.

Nesta mesa de debate discutirase e reflexionarase sobre os límites (se os hai) do uso do patrimonio colectivo á hora de desenvolver produtos escénicos. A recente apertura do arquivo Anderson ó público desencadea preguntas ás que os creadores que se inspiran na música tradicional (patrimonio colectivo moitas veces gardado en arquivos privados) se enfrontan de maneira habitual.

Aitana Cuétara é xestora e produtora cultural con máis de vinte anos de experiencia no ámbito musical.Desde 2013 dirixe Luneda Producións.

Pedro Brañas é director da sección de baile da Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos desde 2013. Ao longo destes anos desenvolve un traballo de recuperación e transmisión do patrimonio inmaterial galego, especialmente do baile e da música tradicional

Xela Conde é diplomada en maxisterio, folclorista, coach e músico multiinstrumentista. Ten máis de 25 anos dando aulas de música tradicional, sobre todo canto e máis de 20 como músico profesional cantando e tocando diversos instrumentos como violín e frauta barroca, ademáis do seu papel como arranxista e compositora en diferentes agrupacións.

Marina Fdez. Vigo é gaiteira, percusionista, arranxista, compositora e mestra de gaita. Posúe o Título Superior en Interpretación, na especialidade de Instrumentos da Música Tradicional e Popular de Galicia, no CSM de Vigo, o Grao en Linguas Estranxeiras, Mestrado de Teatro e Artes escénicas e o Mestrado en Formación do Profesorado.

Participantes na mesa de debate: Aitana Cuétara, Pedro Brañas, Xela Conde e Marina Fernández Vigo
Participantes na mesa de debate: Aitana Cuétara, Pedro Brañas, Xela Conde e Marina Fernández Vigo

Tras unha pausa, a xornada concluirá ás 13.00 horas coa charla-concerto "EFÉMERAS: a revisión musical do arquivo Anderson", a cargo do grupo Cantometrics, que partindo da obra fotográfica e literaria de Ruth Matilda Anderson, Cantometrics desenvolveu o seu novo traballo: EFÉMERAS. Nesta charla-concerto o grupo falará do proceso creativo que implica tomar como base para un proxecto musical un arquivo fotográfico; e que neste caso abarca a creación de música, o realización de pezas audiovisuais e o deseño do formato físico.

Cantometrics é un grupo folk que xorde no 2021 co gallo do aniversario da viaxe de Alan Lomax. En 2022 editan o seu primeiro disco homónimo, no que revisan as músicas do arquivo Lomax nunha homenaxe ó método de análise deste musicólogo, mesturando o repertorio galego con recollidas doutras latitudes. En 2024, ó abeiro das residencias artísticas do Pazo Mariñán, comezan a desenvolver EFÉMERAS, conmemorando o centenario da viaxe da fotógrafa Ruth Matilda Anderson a Galicia

A AGG organiza o vindeiro domingo, 15 de novembro, unha nova edición do Encontro Tradición en Feminino

O evento "Tradición en Feminino" non só é unha celebración da cultura e a tradición galega, senón tamén un recoñecemento do papel fundamental que as mulleres desempeñaron na preservación desta herdanza. A través de conversas e música, os asistentes poderán mergullarse na riqueza da cultura galega e apreciar a diversidade e o talento das súas artistas.

Detalles do evento

O evento, que será de balde ata completar aforo, levarase a cabo o 15 de novembro no Antigo Albergue no Río Vello, en Arzúa.

Programa:

  • 10.45 – RELATORIO: ’Has de cantar, meniña gaiteira’. A mirada de Ruth Matilda Anderson á nosa música en feminino" Alba Rodríguez Saavedra
  • 11.45 – MESA DE DEBATE: O patrimonio colectivo como fonte de inspiración escénica.
    Interveñen: Aitana Cuétara, Pedro Brañas e Xela Conde
    Modera: Marina Fernández Vigo
  • 12.45 – Pausa
  • 13.00 – CHARLA - CONCERTO: EFÉMERAS: a revisión musical do arquivo Anderson.
    Cantometrics
     

Organiza: Asociación de Gaiteiros Galegos

Subvenciona: Cultura da Deputación de A Coruña

Colabora: Concello de Arzúa

A AGG organiza o vindeiro domingo, 15 de novembro, unha nova edición do Encontro Tradición en Feminino

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.