Xulio Vázquez Carril dará nome á Casa de Cultura de Arzúa

Xulio Vázquez Carril dará nome á Casa de Cultura de Arzúa

O Concello de Arzúa acordou nomear a súa Casa da Cultura co nome de Xulio Vázquez Carril, “O Gaiteiro de San Miguel”, nun acto de homenaxe que terá lugar este domingo 27 de xuño a partir das 12h.. Trátase dun recoñecemento público a unha das figuras máis queridas e representativas da nosa tradición musical, cuxa traxectoria deixou unha fonda pegada no patrimonio cultural galego.

Xulio Vázquez Carril no Encontro de Tocadores de Caminha, 2016
Xulio Vázquez Carril no Encontro de Tocadores de Caminha, 2016

Para celebrar este fito, o Concello convídanos a todas as asociacións, agrupacións e entidades vencelladas á música tradicional galega, co obxectivo de que o acto sexa compartido por todas aquelas persoas e colectivos que traballan día a día pola conservación e difusión da nosa cultura.

A figura de Xulio Vázquez Carril

Xulio Vázquez Carril, coñecido como O Gaiteiro de San Miguel, foi un dos gaiteiros máis representativos da tradición de Arzúa, referente na comarca e un dos nomes imprescindibles para entender a transmisión da gaita e da música tradicional ao longo do século XX. Intérprete intuitivo ligado á vida comunitaria, participou en romarías, foliotes e celebracións populares, converténdose nun símbolo da identidade musical da zona.

Nado en Maroxo (Arzúa) e parente do artesán Basilio Carril —quen lle regalou a súa primeira gaita—, iniciouse de neno tocando con pallas de centeo e formouse integramente “de oído”, seguindo a tradición popular. Foi depositario do estilo arzuán “ao pechado”. Este xeito de tocar chamou a atención de investigadores como Carlos Rodríguez Osorio, Manuel Noia e o artesán Xosé Tuñas, que documentaron o seu repertorio e técnica. Parte do seu legado quedou recollido na colección Os Nosos Gaiteiros, editado no 2012 por Edicións do Cumio, con 24 pezas representativas da tradición gaiteira de Arzúa.

Recoñecemento da AGG

Desde a Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas queremos parabenizar ao Concello de Arzúa por esta iniciativa que pon en valor e recoñece a vida dun músico tradicional nado no propio concello e que forma parte da nosa memoria colectiva. Celebramos que se dean pasos firmes para dignificar e visibilizar o labor das persoas que, como Xulio Vázquez Carril, mantiveron viva a nosa música e contribuíron a que chegase ás novas xeracións. Oxalá este exemplo cunda e cada vez máis concellos galegos lembren e homenaxeen aos seus músicos tradicionais, auténticos alicerces da cultura popular.

Xulio Vázquez Carril durante a homenaxe a Basilio Carril no Memorial Ricardo Portela, 2016
Xulio Vázquez Carril durante a homenaxe a Basilio Carril no Memorial Ricardo Portela, 2016

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.