Entroido de Samede
Entroido de Samede

Xornadas de frauta

A AGG e Cántigas da Terra en colaboración coa Asociación Entroido de Samede e a Deputación de A Coruña organizamos o vindeiro 19 de abril unhas Xornadas de frauta. 

Estas xornadas enmárcanse no traballo que desenvolve a AGG ó redor da música tradicional e tamén no proxecto académico de Cántigas da Terra: Escolas da Terra, que cada tempada realiza unhas xornadas sobre algunha das materias impartidas no centro de ensino.

O obxectivo é divulgar o papel das frautas traveseiras na celebración dunha das festas máis importantes do ciclo anual, o Entroido. A diferenza de noutras áreas, a presenza de frautistas na bisbarra da Coruña e das Mariñas é moi escasa, polo que cómpre rescatar esta figura antes de que desapareza da memoria colectiva.

A programación articúlase entorno a diferentes palestras e obradoiros con especialistas do instrumento, a nivel interpretativo e organolóxico. A actividade dividirase entre a sede de Cántigas, onde Rafael Quintía Pereira e Emilia Cagiao Sánchez farán unha achega antropolóxica ó Entroido; e Paderne, onde terán lugar unha palestra sobre a frauta traveseira en Galicia e un obradoiro de pínfano impartidas ambas por Oli Xiráldez.

A xornada complétase cunha homenaxe a Francisco Podrencio, frauteiro do entroido de Samede coa presenza da familia, a asociación Entroido de Samede e a aula de frautas de Escolas da Terra.

Entroido de Samede
Entroido de Samede

Programación completa:

Sábado 18 | Sede Cántigas da Terra (A Coruña)

     11:00 “O Entroido en Galicia”. Rafael Quintía.

     12:30 “Recuperación do Entroido en Samede”. Emilia Cagiao

Domingo 19 | Taberna Beade (Paderne)

     11:00 Palestra “A frauta traveseira en Galicia”. Oli Xiráldez

     12:30 Obradoiro de pínfano. “Construción dun pínfano de cana”. Oli Xiráldez (Inscrición previa*)

     15:00 Xantar no Beade ((Inscrición previa. Menú e prezo pendente de confirmación).

     17:30 Homenaxe

     18:30 Foliada libre

🔔 Inscricións para o obradoiro (*)

*O obradoiro de pínfano é de balde con prazas limitadas, tendo preferencia os e as socias da AGG e o alumnado de Escolas da Terra, que disporán ata o venres 10 de abril para inscribirse, e a partir desa data, se quedan prazas dispoñibles, cubriranse coas solicitudes por orde de chegada.

Para a inscrición: chamando a 982 22 99 66 /986847074 ou enviando un correo electrónico a secretaria@gaiteirosgalegos.gal indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail.

🍽 Xantar

A reserva do xantar realizarase polos mesmos medios.

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.