Compoñente de Herba Grileira
Compoñente de Herba Grileira

Novos episodios do "Recuncho da palleta" durante o mes de maio dedicados á creación e á identidade musical galega

Ao longo do mes de maio O Recuncho da palleta ofreceu, como é costume, unha panorámica da vitalidade da música tradicional galega.

Podes escoitar os podcast na Radio Galega, con historias que van da creación colectiva ás homenaxes persoais, pasando polos grandes encontros e polos proxectos que manteñen viva a nosa cultura de raíz.

Compoñentes de Herba Grileira
Compoñentes de Herba Grileira

En Melide medra a Herba Grileira | AGalegaAudio | Recuncho da palleta do 03.05.26

Ramón Dopico preséntanos a Asociación Cultural e Musical Herba Grileira. Falamos coa súa presidenta, María Lamela e co seu director artístico, Miguel Varela, que nos contan como naceu esta agrupación que foi quen de crear unha escola de baile e música tradicional con 160 alumnos. Escoitamos tamén o disco "As músicas da Terra de Melide", que acaba de gravar a asociación.

Marcos Saburido, Kinhos
Marcos Saburido, Kinhos

Tamborileiros con nome propio. 2ª Parte | AGalegaAudio | Recuncho da palleta do 10.05.26

Ramón Dopico segue empeñado en poñer en primeiro plano os percusionistas das bandas de música tradicional. Nesta segunda entrega de "Tamborileiros con nome propio" amósanos o virtuosismo de: Fernando Hernanz, de Xiada; Manuiel Ambite, de Brisas; o asturiano Pedro Pagua; Francisco Estévez, Chuco, de Sondeseu ou Chouteira; Maruxa Miguéns, de Os Rosales; ou Marcos Saburido, Kinhos.

MarcelinoBrey "Marcelino do muiñeiro". Fonte Gaiteiros do Ulla
MarcelinoBrey "Marcelino do muiñeiro". Fonte Gaiteiros do Ulla

Airiños do Eume e Lembranza a Marcelino Brey | AGalegaAudio | Recuncho da palleta do 17.05.26

Coñecemos da man de Ramón Dopico a historia e o labor da Asociación Cultural Municipal Airiños do Eume, organizadora do evento Cantos da Taberna. Falamos tamén da próxima edición do Castelo Folk. Ademais, coa axuda de Xerardo Albela, lembramos a figura do recentemente falecido Marcelino Brey, "Marcelino do muiñeiro", o requinteiro de Vedra.

Manuel Viqueira Vieites, "O gaiteiro de Vilaverde"
Manuel Viqueira Vieites, "O gaiteiro de Vilaverde"

 

O gaiteiro de Vilaverde | AGalegaAudio | Recuncho da palleta do 24.05.26

Gustavo Couto fálanos da homenaxe que se lle vai tributar en Ordes a Manuel Viqueira Vieites, "O gaiteiro de Vilaverde". O seu fillo Manolo axúdanos a lembrar a un músico extraordinario, un dos que conservou a técnica de dixitación antiga.

Actuación durante o VII Festival Abrente Folk. Fonte ValmiñorTV
Actuación durante o VII Festival Abrente Folk. Fonte ValmiñorTV

VIII Abrente Folk | AGalegaAudio | Recuncho da palleta do 31.05.26

Contamos todo o que debes saber da próxima edición do Abrente Folk de Mos. Para iso Xaime Estévez convidou a dous directores de rondallas que serán homenaxeados no evento: Agustín Lorenzo "Carrillo" e Javier Alonso "Chisco". Tamén conversamos cos representantes de duas das agrupacións participantes: Xosé Gil, dos Zoqueiros do Porriño, e Auri Rodríguez, da Asociación Cultural Santa Columba de Ribadelouro. Ademais Chus Caramés preséntanos os Encontros de Música Tradicional do Mosteiro de Cerboeiro, que chegan á vixesimo sétima edición.

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.