IV Xornada da Carballesa en Seceda do Courel
A Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas (AGG), xunto coa área de Cultura da Deputación de Lugo e o Concello de Folgoso do Courel, organiza o vindeiro sábado 25 de abril, a cuarta edición das Xornadas de Carballesa, que terá lugar en Seceda do Courel.
Nas parroquias de Eiriz e do Carballal, en Seceda e no veciño Val do Incio tocábase e bailábase unha muiñeira característica, a Carballesa, unha das expresións máis singulares da tradición musical galega transmitida xeración tras xeración. Conservar este patrimonio e recoñecer o labor das persoas que o mantiveron vivo é un dos obxectivos centrais desta xornada.
🎶 Un día para aprender, compartir e celebrar a tradición
A programación desta cuarta edición inclúe obradoiros, homenaxes, baile, filandón e música en directo, nun encontro pensado para desfrutar e tamén para seguir fortalecendo a nosa cultura tradicional.
Durante a mañá celebraranse dous obradoiros teórico-prácticos sobre a carballesa:
- Obradoiro de baile *. Imparten: Julia Mª Pozo Méndez e Chema Cebeiro Fernández
- Obradoiro de gaita *. Imparte: Óscar Sánchez Rodríguez
(*) Prazas limitadas. Para participar nos obradoiros é preciso a inscrición previa
Á tarde terá lugar unha homenaxe aos brindos e ás persoas brindadoras, acompañada do obradoiro:
- “O Brindo: recursos, melodías e narrativas na tradición oral no Courel”. Imparte: Branca Villares
A continuación celebrarase un filandón aberto, conducido polo grupo de teatro Milrosas de Lóuzara (Samos), seguido dun baile coas escolas de música tradicional dos Concellos do Íncio, O Courel e A Pobra do Brollón. A xornada pechará cun concerto do grupo Galega de Bailables.
🗓️ Programa da IV Xornada da Carballesa
25 de abril de 2026 – Seceda do Courel
- 11:00 h – Obradoiro teórico-práctico de baile sobre a carballesa
- 11:00 h – Obradoiro teórico-práctico de gaita sobre a carballesa
- 14:00 h – Xantar (con reserva)
- 16:30 h – Homenaxe aos brindos e ás persoas brindadoras + Obradoiro do Brindo
- 17:30 h – Filandón
- 18:30 h – Baile coas escolas de música tradicional
- 20:00 h – Concerto: Galega de Bailables
🔔 Inscricións
Inscricións para os obradoiros (*): Deberán facerse nos teléfonos 982 22 99 66 /986847074 ou enviando un correo electrónico a secretaria@gaiteirosgalegos.gal indicando nome, apelidos, un teléfono de contacto e mail.
*Os obradoiros son de balde e teñen as prazas limitadas, tendo preferencia @s soci@s da AGG, e as persoas da comarca do Courel, que disporán ata o venres 17 de abril para inscribirse, e a partir desa data, se quedan prazas dispoñibles, cubriranse coas solicitudes por orde de chegada.
🍽 Xantar : A reserva do xantar faráse polos mesmos medios que os obradoiros. O menú ofrecido polo restaurante Chapakuña consistirá en callos, ensalada de pasta, lacon cocido e costela, postres: tarta de queixo e bica. Prezo 15 €/persoa (non inclúe bebida nin café, que se poderán adquirir no bar).
🤝 Colaboracións
Esta actividade conta tamén coa colaboración de Lar da Cima – aloxamentos turísticos, Carmen Álvarez – pintora plástica, Supermercado Cal “Boter” e Mel Artesán de Montaña O Galeirón.
🌿 Un encontro para manter viva a tradición
Desde a AGG traballamos para que a nosa música e as nosas tradicións continúen sendo un patrimonio vivo, compartido e orgullosamente galego. Actividades como esta xornada contribúen a difundir, fortalecer e celebrar a nosa cultura.
Animámosvos a participar, traer os vosos instrumentos e gozar dun día único nun entorno incomparable como é Seceda do Courel.