A Tradescola presenta a súa nova Aula de Conxunto cun concerto no Vello Cárcere de Lugo

A Tradescola presenta a súa nova Aula de Conxunto cun concerto no Vello Cárcere de Lugo

Onte, martes 19 de maio, ás 20.00 h, a Tradescola viviu unha desas xornadas que quedan na memoria: a presentación oficial da nova Aula de Conxunto, un proxecto moi agardado e que afrontamos con enorme ilusión.

O Vello Cárcere de Lugo encheuse para acoller este concerto tan especial, guiado por Pedro Pascual, e no que participaron máis de 20 músicos das nosas aulas de música tradicional. Unha proposta que nace co obxectivo de seguir medrando xuntos nos escenarios, fortalecendo o traballo colectivo e ofrecendo ao público novas maneiras de gozar da nosa tradición musical.

Foi unha ocasión única para compartir repertorio, aprendizaxe e emocións, e para dar comezo a unha etapa que promete moito. A entrada, de balde ata completar aforo, permitiu que numerosas persoas se achegasen a celebrar connosco este novo paso da escola.

A xornada non puido resultar máis marabillosa na que desfrutáramos cun concerto cheo de enerxía, compromiso e música feita desde o corazón.

Queremos agradecer fondamente a todas e todos os participantes polo seu traballo e entusiasmo, a todo o profesorado da escola que coa súa dedicación e esforzo día a día fai posible o crecemento do alumnado e de maneira moi especial a Pedro Pascual, pola súa guía e acompañamento neste camiño que agora comeza.

Aquí vos deixamos algúns momentos do concerto para revivir a emoción da estrea.

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.