A Tradescola ofrecerá dous concertos didácticos no CPI Dr. López Suárez de Friol
O alumnado do CEIP Dr. López Suárez de Friol participará mañá en dous concertos didácticos impartidos por parte do profesorado da Tradescola, unha actividade pensada para achegar a música tradicional galega ás novas xeracións dun modo participativo e adaptado ao contexto escolar, que conta coa axuda da área de Cultura da Deputación de Lugo.
Nestes concertos, faise un percorrido polos distintos instrumentos e formacións musicais que protagonizaron a historia da música galega nos últimos séculos. Con explicacións adaptadas á idade do público, amósanse as principais características de distintos instrumentos tradicionais como gaita, requinta, zanfona, tambor, bombo, pandeireta, pandeira, acordeón.....e acompáñanse as explicacións coa interpretación en directo de distintas pezas do repertorio tradicional, co propósito de fomentar a curiosidade, o interese e o respecto pola tradición musical galega dos e das máis cativas.
A actividade, que estará impartida polos mestres, Alberte Núñez, Bruno Villamor, Germán Díaz e Roberto Rodríguez, é unha oportunidade magnífica para que os rapaces e rapazas coñezan, de maneira práctica e participativa, a riqueza do noso patrimonio musical e descubran os instrumentos, sons e cantos tradicionais que forman parte da súa identidade.
Os dous concertos forman parte do labor divulgativo que a Tradescola desenvolve en centros educativos de toda a provincia, cunha programación orientada a fomentar o interese pola música tradicional entre o público infantil e a promover o contacto directo coas súas expresións, contribuíndo así a reforzar a transmisión interxeracional e a manter vivo un patrimonio cultural fundamental para a identidade do país.