A Tradescola leva o Entroido Tradicional ás familias dos centros educativos de primaria de Lugo
O vindeiro martes 10 de febreiro celebrarase unha xornada especial dedicada ao Entroido tradicional, organizada pola Tradescola en colaboración coa Área de Educación do Concello de Lugo. A iniciativa está dirixida ás ANPAS de todos os centros de educación primaria do municipio e concíbese como unha actividade aberta ao público familiar, pensada para vivir e compartir o Entroido desde a creación, o ritmo e o movemento.
Ao longo da tarde, as persoas participantes poderán elaborar os seus propios sombreiros de Entroido*, inspirados nas figuras e elementos máis recoñecibles desta celebración en Galicia. A proposta inclúe tamén unha aproximación práctica aos ritmos característicos dos folións, permitindo que nenos e nenas experimenten coas percusións e coas dinámicas colectivas que definen estas manifestacións festivas.
A actividade completarase cun obradoiro de botes e danzas de distintos entroidos galegos, unha oportunidade para coñecer a diversidade de expresións que existen no país e para aprender os movementos básicos que acompañan estas celebracións. Unha vez rematada a parte formativa, o grupo sairá ás rúas para realizar un pequeno folión polo centro de Lugo, enchendo a cidade de son, cor e espírito entroidesco.
Con esta proposta, coa que queremos darlle a benvida ao Entroido, queremos tamén reforzar o vínculo entre comunidade educativa e tradición, ofrecendo unha experiencia participativa, que non só pon en valor o patrimonio cultural galego, senón que favorece ademaís a súa transmisión ás novas xeracións, a través da aprendizaxe para acompañamento dos toques do folión e facendo posible que unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido, e que é unha parte moi importante do noso patrimonio cultural, permaneza viva.
Lugar : Soto da Praza de Abastos
Horario: de 16.30 a 18.30
Programa:
*De 16.30 a 18.00 h Obradoiros
- Elaboración de sombreiros de Entroido *cada participante traerá un sombreiro de palla
- Percusión propia do Entroido * *podedes traer bombos, tambores, chocas e outros utensilios de labranza metálicos
- Botes e danzas de distintos Entroidos Galegos
*18.00 h – Saída do Folión polo centro de Lugo
O percorrido previsto do Folión (se as condicións metereolóxicas o permiten): Saída do mercado, Santo Domingo, Rúa Raiña, praza Maior ata o fondo e regresar por Conde pallares, Armañá e Lois Peña Novo (para rematar de novo no soto da pz de Abastos).