33ª Mostra de Instrumentos de Música Tradicional de Pardiñas: luthería, música e patrimonio nunha fin de semana única
Durante os días 1 e 2 de agosto, no corazón da Feira e Festa da Música e da Arte que é o Festival de Pardiñas, a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional celebra a súa 33ª edición, consolidada como un dos encontros de referencia para a artesanía musical galega e para a divulgación da nosa cultura de raíz.
Organizada pola Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, esta mostra —a máis antiga e referencial da Península Ibérica— continúa a ser un lugar imprescindible para quen ama, investiga ou constrúe os instrumentos que dan forma á música tradicional galega.
Un ano máis, Pardiñas convértese nun punto de encontro para artesáns e artesás de todo o país e tamén doutras latitudes, que achegan saberes, técnicas e tradicións diversas. A súa presenza enriquece este espazo de diálogo no que conviven gaitas, requintas, zanfonas, bombos, pandeiretas, birimbaus, violíns, bouzoukis, harpas e tantos outros instrumentos que conforman un patrimonio vivo, en constante evolución.
Mais a Mostra é moito máis ca unha exposición: é un lugar para aprender, preguntar, tocar, escoitar e compartir. Un espazo onde se recoñece o traballo minucioso e preciso dos nosos construtores, que manteñen viva a tradición ao tempo que exploran novas posibilidades sonoras. Aquí a música tradicional respírase, palpítase e cobra vida en cada conversa, en cada demostración, en cada encontro.
Un pregón de honra: Concha Losada
A encargada de abrir esta edición será Concha Losada, voz fundamental da nosa cultura que leva décadas contribuíndo á preservación e difusión da música tradicional galega. Licenciada e Doutora en Medicina pola USC é Patroa numeraria do Museo do Pobo Galego desde 2007 e, foi parte do equipo de traballo que levou adiante o deseño e desenvolvemento do APOI, do que é coordinadora. Desde o ano 2009 ocupou o cargo de vogal da Xunta Reitora do Museo do Pobo Galego, en decembro do 2017 foi elixida Vicepresidenta e desde o 28 de maio de 2022 ate maio deste mesmo ano 2026 foi Presidenta do Padroado do Museo do Pobo Galego. A súa intervención marcará o inicio dunha fin de semana dedicada á cultura, á luthería e á memoria musical do país.
Obradoiros, concertos e moito baile
O recinto da mostra, que abrirá as súas portas na mañá do sábado, volverá encherse de música e obradoiros comezando na sesión vermú co concerto do cuarteto tradicional Seimeira, grupo formado por Pepe Vaamonde e Brais Monxardín nas gaitas e Miguel Anxo López e Hugo García na percusión cuxo repertorio fai un repaso pola música tradicional galega de todos os tempos chegando incluso a compositores do século XXI, ou mesmo interpretando composicións propias do grupo.
Xa a media tardiña, continuará a música co grupo de Pandeireteiras de Agrocovo, formado por sete mulleres e dous homes e baixo a dirección de Pedro Brañas. O seu repertorio está composto por pezas tradicionais galegas, interpretadas con respecto á tradición e cun estilo propio que combina autenticidade, sensibilidade e ilusión.
A xornada do domingo terá tamén tempo para a música co concerto durante a sesión vermú de Arroxó, un proxecto de música tradicional galega que recupera e dá nova vida ás cantareiras e ás voces anónimas que gardaron durante xeracións o patrimonio musical do país. O seu repertorio nace de pezas recollidas directamente de mulleres maiores de diferentes comarcas, preservando melodías, xeitos de cantar e historias que forman parte da memoria colectiva galega.
E xusto despois, chega o tempo para o aprendizaxe, primeiro da man do artesán e gaiteiro Oli Xiráldez no obradoiro de treboada, que fará do recinto da mostra o escenario no que maravillarse da maxestuosidade dos bombos de mallada, recoñecibles polas súas grandes dimensións, para rematar o obradoiro facendo un percorrido polo campo da festa, “facendo a alborada”.
Xa pola tarde terá lugar outro dos clásicos da mostra, o tradicional e multitudinario obradoiro de baile tradicional, a cargo da bailadora, mestra de baile tradicional galego e membro da Asociación do Ensino Profesional da Música o Baile Tradicionais Cris Canosa, cuxa súa formación vén da súa vinculación ao asociacionismo dende pequena.
O broche musical á fin de semana da Mostra correrá a cargo do grupo Sete aldeas, unha charanga tradicional galega formada por gaita, acordeón, saxofóns, clarinete e percusión; sete músicos en escena que interpretan ritmos bailables cun obxectivo claro: poñer o torreiro en pé.
Un programa que combina tradición, aprendizaxe e festa
Sábado 1 de agosto
- 11.30 h – Apertura da mostra
- 13.00 h – Sesión vermú: Seimeira (programa Móvete 2026 – Vicepresidencia Deputación de Lugo)
- 14.00 h – Xantar
- 17.00 h – Pregón: Concha Losada
- 18.30 h – Concerto: Pandeireteiras Agrocovo
- 20.00 h – Sorteo: Mastergaita
- 21.30 h – Peche da mostra
Domingo 2 de agosto
- 11.30 h – Apertura da mostra
- 12.00 h – Obradoiro de treboada, impartido por Oli Xiráldez
- 13.00 h – Sesión vermú: Arroxó
- 14.00 h – Xantar
- 17.00 h – Obradoiro de baile, impartido por Cris Canosa
- 18.30 h – Concerto: Sete aldeas
- 20.00 h – Sorteo: Gaita
- 21.30 h – Peche da mostra
Artesanía musical: máis de 30 obradoiros
A Mostra reúne cada ano a unha ampla representación da artesanía musical galega e peninsular. Nesta edición participan máis de trinta obradoiros especializados en, percusión, corda, vento; gaitas, requintas, zanfonas, bouzoukis, pandeiretas,…
- AGG / Asociación do baile e a música de tradición galega
- Alberto Pires / Gaitas / Pontesampaio
- Antolín Vento Madeira / Instrumentos de vento / Vigo
- Aragón & Parrado / Gaita irlandesa - Uilleann pipe / Guadarrama – Madrid
- Artesanía JMR / Instrumentos de percusión e accesorios musicais / O Pino
- Carlos da Silva / Fabricación de instrumentos de vento / Vilagarcía de Arousa
- Caroline Lacombe / Bouzoukis irlandeses, mandolinas e baixos acústicos / Carballo & Barcelona
- Ché Vazquez / Birimbaos, trompas, frautas e instrumentos tradicionais /Brión
- DJB e Filla / Instrumentos de corda / Soutomaior
- Earan / Luthier / Pontevedra
- Elías Couso / Percusión / A Pobra de Brollón
- Fernando Meireles / Corda portuguesa e zanfonas /Coimbra
- Ferreiros de Mazonovo / Birimbaos e instrumentos de metal tradicionais / Santa Eulalia de Oscos
- Guillermo Camacho / Instrumentos Camacho / Vitoria-Gasteiz (Álava)
- Iago Salgado / Instrumentos tradicionais / Teo
- Kepa Rubio / Instrumentos de corda frotada /Abornikano, Araba
- Labra / Asociación Profesional Galega de Construción de Instrumentos Musicais
- Lorena Reinaldo / Instrumentos de corda / Soutomaior
- Manels Percusión / Ordes - Galiza
- Master Gaita / Gaita electrónica / Sada
- Miguel Rivas / Artesán instrumentos tradicionais de percusión e vento / Vigo
- Morenita Percusión / Percusión tradicional / Laza
- O Reberete / Vento e percusión tradicional / San Cristovo de Cea - Ourense
- Oli Xiráldez / Gaitas e requintas / Calo - Teo
- Queima / Instrumentos tradicionais de vento e percusión / Redondela
- Rebollo Instruments / Zanfonas, bouzoukis e mandolinas / Beluso
- Regos Pandeiretas / Obradoiro de Pandeiretas / Ordes
- Trabulo Instruments / Percussão tradicional: adufes portugueses e pandeiros / O Carballiño
- Troula /Instrumentos de percusión miúda / Ribadavia
- Tunhas / Percusión / Ames
- V. Martín González / Luthier - Construción e restauración de instrumentos de corda / Vilaboa
- Xaneco / Percusión e zanfonas / Outeiro de Rei
- Xermán Arias / Luthería e zanfonas / Sarria
- Xosé Maceda / Instrumentos de percusión tradicional / Monforte
Queres colaborar coa Mostra?
Participa no sorteo e merca a túa rifa!! coa túa aportación non so contribúes a manter viva esta cita anual coa cultura tradicional, senón que tamén podes ser o gañador ou gañadora de:
- Unha mastergaita ou
- Unha gaita de granadillo en Do
Bases do sorteo: https://drive.google.com/file/d/1RTCnISi29Dw17tAp_LgiURuk9R-dW2rY/view?usp=drive_link
Ven desfrutar desta mostra, un encontro para celebrar a identidade musical galega. Xa nos vemos en Pardiñas!