33 Mostra de instrumentos de música tradicional de Pardiñas
O primeiro fin de semana de agosto volverá traer a Pardiñas ese latexo único que só alí se sente: o encontro entre a música, a artesanía e a memoria viva dun pobo. Os días 1 e 2 de agosto, no corazón do Festival de Pardiñas, celebrarase a 33ª Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, unha cita xa mítica organizada pola Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas. Trátase dun dos encontros culturais máis singulares e agardados do país que reune artesanía, música e patrimonio e que leva máis de tres décadas xuntando a artesáns, intérpretes, investigadores e público de todas as idades.
Ao longo da fin de semana, arredor de trinta artesáns e artesás instalaranse nas haimas para exhibir o seu traballo, compartir coñecemento e mostrar a diversidade de instrumentos tradicionais galegos e doutras tradicións. A Mostra, pioneira en Galicia desde 1994, mantén o seu carácter divulgativo e participativo, cun programa que combina exposición, demostracións en vivo e actividades abertas ao público.
A celebración enmárcase no ambiente único do Festival de Pardiñas, a festa e feira de música e arte, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia que transforma a pequena aldea de Pardiñas nun punto de encontro cultural.
A Mostra reforza así a súa vocación de espazo de transmisión, posta en valor e defensa do patrimonio musical, consolidándose como unha referencia imprescindible no verán galego.