Conferencia: “Pasado e presente do pito pastoril na Galicia”, dende o século XIX a actividade do IGAESPI, avances da investigación”. Efraim Díaz e Miguel Mosquera

Conferencias

Xornadas arredor da música tradicional. Ano 2019

Charla impartida por Efraim Díaz e Miguel Mosquera no marco da sexta edición das Xornadas arredor da música tradicional organizadas pola AGG o 28 - 9 – 2019

O pito pastoril galego é un instrumento da tradición musical galega que chegou até nos por medio de exemplos organolóxicos construídos de madeira, tamén se construían de cana ou de outros materiais vexetais perecedoiros. A propia existencia, subsistencia e emprego do nome “pito” suxire o uso do mesmo por parte do pobo como pasatempo dos pastores, ou de estudo previo á gaita, tamén o traballo dos artesáns dende finais do século XIX, confírelle ao mesmo un interese para o seu estudo, que é a perspectiva dende a cal se constitúe o IGAESPI (Instituto Galego de Estudos do Pito Pastoril). Definiremos o obxecto de estudo, nas súas diferentes formas e afondaremos nos pitos construídos polo artesanado galego partindo do século XIX até os nosos días. Tamén describiremos a actividade do IGAESPI, e o apoio que está a realizar á difusión e investigación sobre o instrumento.

Efraím Díaz comeza os seus estudos de música co seu pai Cándido Díaz aos 8 anos. É titulado Profesional e Superior de Percusión e titulado Profesional de Gaita. No momento desta charla é profesor de Gaita, Pito e Percusión na Escola Municipal de Lugo e forma parte da Banda Municipal de Música de Lugo. Tamén é membro permanente do Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago de Compostela GCSUS, xunto a Inmaculada Cárdenas e Mónica Álvarez e dende o 2016 é membro fundador e presidente do Instituto Galego de Estudos do Pito Pastoril (IGAESPI).

Realizou o mestrado en Servizos Culturales na Facultade de Humanidades de Lugo, obtendo no seu traballo Fin de Mestrado "O pito pastoril na Galicia" a calificación de Matrícula de Honra, ademais de Premio Extraordinario da súa promoción, traballo que o conduce aos estudos de doutorando na USC, no programa Estudos Culturais: Memoria, Identidade, Territorio e Linguaxe, profundizando na presencia do pito pastoril galego na Galicia.

Miguel Mosquera comeza a estudar no ano 1991 no Obradoiro-Escola de Gaitas e Zanfonas da Universidade Popular de Vigo no cal permanece até o ano 1995. Sempre sentiu especial predilección polo pito pastoril galego e no seu quefacer como artesán ten feito achegas salientábeis ao desenvolvemento do mesmo. A súa angueira de investigación resulta nunha nova tonalidade de pito. Case 20 anos despois de que Antón Corral sacara a de Re, aparece o primeiro pito Alto de Sol, un chanzo cara a construción das tonalidades do Consort de Pitos Pastorís. Desenvolve tamén outras tonalidades coa intención de facilitar aos gaiteiros a integración dun pito no mesmo ton que a gaita mais empregada en Galicia, a de Do.

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.