Conferencia: "Os Veiga e Os Pacheco: dous cuartetos mindonienses". Xiana Teixeiro
ConferenciasXornadas arredor da música tradicional. Ano 2017
Relatorio de Xiana Teixeiro sobre a investigación que da a coñecer dous cuartetos de Mondoñedo (Lugo) de comezos do século XX: Os Veiga e Os Pacheco.
Charla impartida no marco da quinta edición das Xornadas arredor da música tradicional organizadas pola AGG o 16 - 9 - 2017.
Ao longo do relato, construímos a historia destas agrupacións a través da prensa da época e tratamos os diferentes tipos de formación que adoptaron estas agrupacións: clarinete, gaita, caixa e bombo e dúas gaitas, caixa e bombo. Por outra banda, tamén estudaremos o seu repertorio a través das obras que puidemos atopar que eles interpretaban e non deixaremos de lado as particulares gaitas de Augusto Insua, un dos integrantes do cuarteto Os Pacheco, con chaves e unha delas de prata. Á súa vez, consideraremos a importancia destes cuartetos dentro da historia da música popular galega, tratando de poñer en valor o noso legado musical.
Xiana Teixeiro Rei é titulada superior en Etnomusicoloxía e en Instrumentos da Música Tradicional e Popular da Galiza polo Conservatorio Superior de Música de Vigo e estudante do mestrado de Musicoloxía Aplicada na Universidade da Rioxa e o Mestrado de Profesorado na Universidade de Vigo.