Conferencia: “Os Trabazos de Castro Caldelas: actividade, aspectos biográficos, instrumentos de traballo, homenaxes e repertorio”. Alexandre Rodríguez

Conferencias

Xornadas arredor da música tradicional. Ano 2019

Charla impartida por Alexandre Rodríguez no marco da sexta edición das Xornadas arredor da música tradicional organizadas pola AGG o 28 - 9 – 2019

Os Trabazos (1910-1956) foron un grupo de música orixinariamente formado por gaita, clarinete, caixa e bombo da aldea de Trabazos, parroquia de Santa Eulalia, concello de Castro Caldelas (Ourense). O grupo empeza a tocar en 1910 en Castro Caldelas formado por tres irmáns retornados de américa: Perfecto López Cereijo (gaita), Gervasio López Cereijo (clarinete) e Pascasio López Cereijo (bombo) ademais de Teodoro “o grasas” (caixa). Os Trabazos participaron activamente tanto na realidade festiva anual da súa comarca como tamén para amenizar as celebracións de cidades importantes galegas e de localidades fóra de Galicia sobre todo na zona de Asturias e o Bierzo. Coñecemos ata 157 pezas que tocaban Os Trabazos, unha parte moi importante do repertorio, que estaba composto por cancións de moda e música de baile, na súa maioría ritmos procedentes de America Latina e Europa e atopamos tamén himnos e arranxos e composicións propias de Perfecto López. Neste relatorio preténdese analizar a evolución de Os Trabazos e as súas diferentes etapas. Ademáis, facer un percorrido polas actuacións nas que participaban tanto dentro como fóra de Galicia, os instrumentos que utilizaban e o repertorio que tocaban achegando así nova información a través deste grupo sobre a corrente moderna que xurdiu a finais do século XIX na música tradicional galega.

Alexandre Rodríguez comeza a cursar os seus estudos musicais no Conservatorio de Música Municipal do Carballiño aos 4 anos. En 2016 obtén o Título Superior de Música na especialidade de saxofón polo Conservatorio Superior de Música de Vigo.

Saxofonista e mestre de saxofón. En 2018 remata os seus estudos de Musicoloxía no itinerario de Etnomusicoloxía no Conservatorio Superior de Música de Vigo presentando a investigación sobre Os Trabazos de Castro Caldelas e en 2019 remata o Máster Universitario en Formación do Profesorado.

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.