Conferencia: “Os rexistros galegos de Alan Lomax (1952).”. Lucía Comesaña
ConferenciasXornadas arredor da música tradicional. Ano 2017
Charla impartida por Lucía Comesaña no marco da quinta edición das Xornadas arredor da música tradicional, organizadas pola AGG o 16 - 9 – 2017 na cal nos achega a unha extraordinaria fonte para o estudo da música de tradición oral.
No verán do ano 1952 o etnomusicólogo Alan Lomax (Texas, 1915 – Florida, 2002) chega a España co encargo do selo Columbia Records e da BBC de realizar unha colección de gravacións de música tradicional. Durante sete meses Lomax e a súa asistente Jeannette Bell percorren a xeografía española recalando en Galicia o 19 de novembro dese ano, rexistrando durante 15 días un total de 85 pezas, vocais e instrumentais, localizadas nas provincias de A Coruña, Pontevedra e Ourense, que se sumarían ás 5 correspondentes ao repertorio galego rexistradas anteriormente no mes de xuño no II Festival Internacional de Folklore de Palma de Mallorca. Os 90 rexistros galegos realizados por Lomax, de incalculable valor tanto pola súa datación coma pola súa calidade acústica, conforman unha fonte primaria que nos permite extraer características representativas da música de tradición oral galega. Por outro lado, o estudo de cada un dos ítems a partir da súa transcrición e a súa posterior localización en cancioneiros, elaborados dende a segunda metade do século XIX ata a actualidade, tamén nos aporta datos sobre o grao de difusión de cada un deles, en particular, e da música tradicional, en xeral, pola nosa xeografía.
Lucía Comesaña é titulada superior na especialidade de instrumentos da música tradicional e popular polo Conservatorio Superior de Música de Vigo e titulada en Máster Universitario en Patrimonio Musical pola Universidad Internacional de Andalucía, así como estudante dos estudos superiores nas especialidades de etnomusicoloxía e clarinete no conservatorio vigués