Conferencia: “Modelo de representanción gráfica da música de trad. oral para gaita: Manuel López, gaiteiro de Poso”. Daniel Fernández
ConferenciasXornadas arredor da música tradicional. Ano 2018
Charla impartida por Daniel Fernández no marco da sexta edición das Xornadas arredor da música tradicional organizadas pola AGG o 15 - 9 – 2018
Desde os anos 70 do século XX ata a actualidade, a música de tradición oral en Galicia foi obxecto dun renovado interese por parte de numerosos estudosos (procesos de recollida, preservación e estudo do material). No campo da música de gaita, en particular, este revival das músicas tradicionais conviviu co ámbito académico, principalmente desde que o instrumento entrou a formar parte da ensinanza regrada nos conservatorios no ano 1978. A partir deste momento apareceron en Galicia as primeiras publicacións de técnica e de repertorio para gaita, que incluían “música de autor” e “música tradicional”. Esta etiqueta de “música tradicional” abranguía nestas publicacións, sobre todo nun primeiro momento, o repertorio de gaiteiros de ámbito urbano —fundamentalmente de cuartetos de gaitas (os Gaiteiros de Soutelo)— e o dos cancioneiros, quedando desprazados gaiteiros e repertorios de ámbito máis rural. Coa auxe recente dos estudos de etnomusicoloxía en Galicia, ten lugar un novo achegamento á música tradicional. Nos estudos de gaita isto tradúcese nunha aproximación nova, de carácter estilístico e interpretativo, aos coñecidos popularmente como gaiteiros vellos. O obxectivo central deste traballo será propoñer un modelo de representación gráfica do repertorio de tradición oral para gaita, de xeito que poida ser empregado noutros traballos de investigación sobre estas músicas. Para poñelo en práctica escollemos a figura do gaiteiro Manuel López, O Poso, como caso aplicado. Así, non só aportamos un modelo de representación gráfica do estilo e repertorio dos gaiteiros, senón que tamén pretendemos favorecer a difusión e a interpretación da música dun deles, ampliando o canon de repertorio para gaita.
Daniel Fernández vén de rematar o Grao Superior de Música na especialidade de Instrumentos da Música Tradicional e Popular de Galicia no Conservatorio Superior de Música de Vigo, acadando a cualificación de Matrícula de Honra no seu Traballo de Fin de Estudos, no que tomou parte o desenvolvemento e defensa do presente traballo de investigación. Paralelamente, cursa estudos de filoloxía na UNED.