Conferencia: “Anotacións encol do uso da trompa ou mosugitarra no País Vasco”. Juan Mari Beltrán

Conferencias

Xornadas arredor da música tradicional. Ano 2019

Charla impartida por Juan Mari Beltrán no marco da sexta edición das Xornadas arredor da música tradicional organizadas pola AGG o 28 - 9 – 2019

A tronpa-mosugitarra é un pequeno instrumento musical popular vasco, documentado desde o século XV ata finais do XIX, mais foi caendo en desuso, quedando a principios do século XX, apenas algúns interpretes nalgúns recunchos das zonas rurais, sen presenza pública e non aparecía entre os instrumentos tradicionais vascos que se presentaban nos festivais de Cultura Vasca daqueles anos. Foi a finais da década de 1960 e principios dos 70 cando volve ser tida en conta dentro do novo renacemento cultural vasco e volve soar neses ambientes musicais e culturais. Logo da tarefa de recompilación e investigación, neste momento podemos obter unha visión máis ampla encol do uso, interpretes, contorna social e a función deste instrumento na historia da música tradicional vasca, o cal vemos nesta charla.

Juan Mari Beltrán Argiñena é compositor, instrumentista, investigador e profesor de música. Desde moi novo viuse inmerso na música e con 11 anos xa tocaba o clarinete na banda municipal de música de Etxarri Aranatz e o txistu no grupo de txistularis. Aprendeu de recoñecidos txalapartaris, txistularis e dos vellos dulzaineros de Gipuzkoa, sempre na procura e investigación da música, os músicos e os instrumentos.

Como músico tomou parte en distintos grupos habendo varios discos froito do traballo nos mesmos. 

No campo da recompilación e investigación publicou diversos traballos sobre os intrumentos de música, danzas-xogo e musica popular vasca. No campo da pedagoxía traballou como profesor de música no ensino primario e desde 1985 imparte clases de txistu, alboka, dozaina e txalaparta na Escola Pública de Música “ Hernani”, así como cursos, charlas e concertos didácticos de música e instrumentos populares vascos. Actualmente, cos fondos de música popular que recompilou ao longo da súa vida (instrumentos musicais, biblioteca, fonoteca e arquivo de imaxe fotografía e filmacións), organizou, xunto ao Concello de Oiartzun o Centro de Documentación de Música Popular “Herri Musikaren Txokoa” inaugurado o 1 de marzo de 2002.

Uso de cookies

En cumprimento da Lei 34/2002, de Servizos da Sociedade da Información, lembrámoslle que este sitio web utiliza cookies co fin de mellorar os nosos servizos.